xoves, 5 de marzo de 2009

Motor! Acción! O Cineclube Poleiro roda de novo

A Asociación Cultural Eliseo Alonso reinicia a actividade do Cineclube Poleiro o próximo xoves, 5 de marzo, ás 21:00 horas no Auditorio de Goián

O Cineclube Poleiro suspendera as proxeccións a finais de 2005, ó pechar o cinema Avenida da Guarda. Durante oito anos citou alí a unha chea de persoas da comarca interesadas no cinema. Un punto de encontro cultural que agora se traslada a Goián, o centro xeográfico do Baixo Miño. Sen ningunha sala de cinema na comarca, a Asociación Cultural Eliseo Alonso tomou contacto co novo goberno municipal de Tomiño para que dotara ó Auditorio de Goián de equipo de proxección, son e pantalla, imprescindibles, non só para a nosa actividade. Coa aspiración cumprida inauguramos esta segunda etapa do Cineclube Poleiro. Tódolos primeiros xoves de mes, agás no verán, terán unha cita co cinema de calidade en Goián.

PRIMEIRO CICLO ATÉ XUÑO

A idade da ignorancia, unha comedia do canadense Denys Arcand é a primeira das catro películas elixidas. O 2 de abril proxectaremos A banda nos visita unha comedia dramática dirixida por Eran Kolirin e co producida por Israel e Francia. O 7 de maio Ao outro lado un drama dirixido polo turco Fatih Akin. O ciclo remata o 4 de xuño con Un toque de canela unha comedia dramática do grego Tassos Boulmetis sobre a comida e a vida.

ACTIVIDADE CON APOIO INSTITUCIONAL

Xa están á venta ós bonos de socio. A primeira película é gratis polo que as catro do ciclo custan 6 euros. Este prezo pode manterse porque a actividade está apoiada este ano pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño. Conta tamén co respaldo da Federación de Cineclubes de Galicia e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Presidencia da Xunta de Galicia

A PRIMEIRA QUENDA

A primeira das películas, A idade da ignorancia remata coa triloxía de Denys Arcand que completan As Invasións Bárbaras e O declive do Imperio Americano. Nesta ocasión o director volve ós seus temas de sempre: a soidade e o amor, focalizados nunha historia que ten como protagonista a un gris funcionario desesperado que evita a realidade imaxinándose a si mesmo como un heroe de aventuras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario